Curiosidades

Voltar

¿Autócrata ou dictador?

O día 4 de decembro do 2003, o xornal cubano «Granma» publicou en portada unha noticia sobre a participación de Fidel Castro nun encontro con estudantes estadounidenses no Palacio de Convencións da Habana, ilustrada cunha fotografía na que o falecido xefe do Estado da República de Cuba mostraba un bigote e un peiteado que lembran a Adolf Hitler.

Nese momento eu estaba na capital cubana, na que se formou un gran rebumbio por mor deste feito, circulando o rumor de que fora unha sabotaxe por parte dun dos traballadores do medio de comunicación oficial do réxime dos irmáns Castro, o cal, asegurábase, fuxira á «yuma» (Estados Unidos).

Por sorte, aínda que foi secuestrado inmediatamente, púidenme facer —a prezo de ouro— cun exemplar do diario que comprara un coñecido, encargándolle a outra persoa que escaneara a incríbel imaxe que se mostra na ligazón, e que aconsello ampliar todo o que sexa necesario.

 

Hiperinflación

Durante a miña estancia de investigación na Arxentina (outubro-decembro do 2000), adquirín este billete dun valor nominal infrecuente. Afortunadamente (pagueino en dólares), non necesitei outro de similar contía.

 

Wanted

No mes de febreiro de 1989 o entón líder espiritual da revolución e xefe de Estado da República Islámica de Irán, ayatolah Ruhollah Jomeini, ditou unha «fetua» na que impelía a todos os musulmáns a executar ao escritor Salman Rushdie por escribir, e publicar, o libro Os versos satánicos, que consideraba unha grave ofensa á súa relixión. Mesmo chegou a ofrecer unha recompensa dun millón de dólares a quen lle dera morte.

O xornal «El Correo Gallego», con motivo de dita fetua, sondou na rúa a opinión dos estudantes da Universidade de Santiago respecto a esta noticia, entre os que eu me atopaba pois nese curso (1988-1989) estaba matriculado na facultade de Medicina.




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto