A función económica, e social, da prostitución

Voltar

«Avanzaremos aboliendo la prostitución, que esclaviza a las mujeres en nuestro país».

Esta é unha das frases estrela do discurso do presidente do goberno, Pedro Sánchez, no acto de clausura do 40.º Congreso Federal do PSOE, celebrado en Valencia entre os días 15 e 17 de outubro.

Na afirmación citada destacan tres palabras que é preciso analizar no seu significado e na intención que subxace na súa utilización.

En primeiro lugar, debe resaltarse que co termo «prostitución» o señor Sánchez refírese á feminina, non á masculina; non porque non exista, senón porque o home sitúase nun nivel ontolóxico diferente ao da muller, no que non cabe a victimización de carácter sexual nin doutro tipo.

A continuación, chama a atención o uso do xerundio do verbo «abolir» cunha connotación que é máis política que lingüística tendo en conta que a prostitución non é unha lei, nin un precepto, nin un costume: ¡é un feito social!, anterior, mesmo, a toda sociedade formalmente constituída: naceu co ser humano e desaparecerá con el; por tanto, pódese prohibir pero en ningún caso abolir mediante unha norma legal.

Non menos enganosa é a afirmación na que dá por sentado que «escraviza» ás mulleres; terxiversación cuxa propagación iniciouse en Madrid fai máis dunha década cunha campaña baseada no slogan «Porque ti pagas, existe a prostitución».

Ultimamente, esta estratexia cambiouse por unha máis agresiva cos usuarios destes servizos que se ofrecen no libre mercado, que ten como obxectivo estigmatizalos e criminalizalos arroxando contra a súa persoa de forma despectiva e culpabilizadora o epíteto «puteiro», o cal tan só fai referencia aos homes que manteñen relacións sexuais con prostitutas.

É probábel que nun futuro próximo comécese a empregar con igual propósito o insulto «fillo de puteiro» en substitución do tradicional «fillo de puta», a pesar de que non pode ter o mesmo significado dado que en todas as culturas a dicotomía macho-femia determina certos aspectos da realidade de aqueles que as integran en función do seu sexo biolóxico. Esta particularidade xa a plasmou Freud en «Contribucións á psicoloxía do amor», escrito no que conclúe que «a anatomía é o destino».

Pero… Por que existe a prostitución? Porque as mulleres prostitúense. E por que se prostitúen as mulleres? Porque nas comunidades e nas organizacións humanas, nas que se inclúen as profesionais, as relixiosas e as políticas, o corpo da muller nova e fermosa pode ser unha fonte de recursos de toda índole. Tamén o do home; aínda que por outras cualidades e de distinta maneira.

O que se negan a aceptar os axentes sociais, e os cidadáns, é que prostitución e autonomía da vontade non son incompatíbeis, e para reafirmarse no seu erro apóianse en estatísticas e estudos sesgados, ou directamente manipulados, acerca da orixe e a causa da pervivencia ao longo de millóns de anos desta actividade económica primordialmente feminina. Con autonomía da vontade estou a entender aquí o que entende a Bioética, que define a persoa autónoma «como un individuo capaz de deliberar sobre os seus obxectivos persoais e actuar baixo a dirección desta deliberación».

Dende logo, aínda que a xente descoñézao, a inmensa maioría das prostitutas gozan dunha autonomía da vontade moi superior á que dispoñen as mulleres que traballan no servizo doméstico, as coidadoras das residencias de anciáns, as caixeiras de supermercado, as empregadas do servizo de habitacións dos hoteis, as limpadoras de baños e corredores de hospitais e facultades universitarias, etcétera.

¿Hai, quizais, nestes quefaceres, e noutros moitos que obviei, algunha clase de escravismo que por non estar vinculado a prácticas sexuais, senón a «gañarse a vida honradamente», impídenos recoñecer a súa existencia?

En «Os días do home», o doutor Besançon, médico francés que viviu a cabalo dos séculos XIX e XX, ofrécenos unha conclusión con respecto a este tema digna do sociólogo máis reputado:

«Os moxigatos empéñanse en que se pechen as casas xa pechadas. Que malos son estes moralistas!

»En rigor, os vellos poderán botarse unha amiga, o cal é xa bastante ameazador para a paz do fogar. Pero, aos feos, aos tartamudos, aos vergoñosos, aos Quasimodos… Quen lles venderá unha ilusión? Como! Xa non máis enfermeiras dos sentidos! Xa non esmolas! Xa non piedade! É que non hai xa bastantes desherdados que se tiran ao Sena?».

Reflexión que se complementa á perfección cun dito cubano que convido o lector a someter á súa libre consideración:

«O traballo embrutece, o xogo ilustra, a putería é o que dá pracer».

 

 




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto