O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, tomou gran relevancia non como acto de celebración, senón de confrontación. Confrontación dunha ideoloxía totalitaria, como o é todo aquilo que alcanza unha dimensión global, cos homes, polo mero feito de ser homes. Chega con darse un paseo polos campus e rúas de calquera país no que impere a interpretación occidental da realidade para comprobalo. Ou escoitar as declaracións e discursos dos seus líderes políticos.
Pero o proceso de deconstrución da identidade masculina indúcese todos e cada un dos días do ano, dende todas e cada unha das atalaias metastatizadas polo feminismo (en detrimento de calquera perspectiva que non comulgue cos seus mandamentos), entre as que cabe destacar as escolas e as universidades, os medios de comunicación de masas, os parlamentos lexislativos, os consellos de ministros, os tribunais de xustiza, os sindicatos obreiros, os corpos e forzas de seguridade dos estados, os organismos internacionais, os observatorios de xénero, etcétera. E realízase, maiormente, mediante a apropiación da linguaxe para redefinir o significado das palabras imprimíndolles un sesgo ideolóxico. Inventando o que Orwell denominou «neolingua». É dicir, unha linguaxe cunha intención estritamente política, orientado a impoñer unha determinada actitude mental a quen o utiliza.
Temos así o emprego instrumental da voz «varón» en substitución da palabra «home»: úsase tanto para referirse a un presunto asasino como aos asistentes a un evento; e até explican os profesores aos seus alumnos, someténdose ás directrices da linguaxe politicamente imposta, que no século XIX «os varóns traballaban nas minas, en tanto que as mulleres facíano noutras ocupacións». Porén, o devandito vocábulo designa ás persoas de sexo, non de xénero, masculino; mentres que o seu correlativo para nomear ao sexo, non ao xénero, feminino é «femia», non muller.
Acontece o mesmo co termo «persoa» cando se utiliza para subsumir nel a presenza de homes cuxa existencia se pretende agochar. É por isto que ao publicárense as estatísticas de accidentes de traballo, en especial se son mortais pois suceden nun 95 % en homes, dísenos que «No ano 2021 faleceron 741 persoas traballadoras en accidente laboral» (UXT); isto é: 704 homes e 37 mulleres; dato que desagregado non se atopa en ningures. Pola contra, infórmase con detalle de que «Polo menos vinte e dous migrantes morreron, entre eles dezaseis mulleres e un menor» (RNE).
Ademais do incesante adoctrinamiento, descarado ou subliminar, do conxunto da sociedade, outro trazo que caracteriza ao movemento feminista é o seu pesadume pola desigualdade natural entre homes e mulleres; principalmente no que respecta á desigualdade de capacidades intelectivas e creativas, dado que a disparidade xurídica desapareceu por completo no noso medio, e no que á menor forza muscular refírese asumiuna, ou resolveuna, ben segregando os sexos (como ocorre na práctica deportiva), ben reducindo para elas as esixencias nas probas de acceso a determinadas profesións (bombeiros, policía, exército...). Desta desemellanza innata é de onde emana a súa insistencia en facer visíbeis a mulleres filósofas, escritoras, artistas ou científicas, a pesar da súa manifesta medianía.
Porque, en calquera ocupación que se considere, son moitísimos máis os homes preeminentes, e tamén invisibilizados, ao longo da historia. Temos médicos, físicos, músicos, escultores, pensadores... ou poetas, maiores, menores e intranscendentes. Actividades nas que case todas as mulleres foron, e son, irrelevantes. Non, por suposto, como persoas, nin tampouco como profesionais, anque si como individuos xeniais que fixeran contribucións en verdade transcendentais para a humanidade. É descoñecida, talvez, algunha muller equiparábel a Euclides, Aristóteles, Copérnico, Shakespeare, Harvey, Newton, Kant, Beethoven, Einstein, Picasso...? Acaso as hai, ou as houbo?
Que esta diferenza débase a unha marxinación secular non desexada das mulleres é unha hipótese que unicamente o transcurso do tempo poderá confirmar ou falsar. Con todo, non debemos pasar por alto que non só «a anatomía [macroscópica e microscópica] é o destino», como aseverou Freud, senón que tamén o é a fisioloxía; sobre todo a fisioloxía cerebral.
Na páxina 127 do seu libro a hormona masculina por excelencia: «Testosterona» (2022), a bióloga evolutiva norteamericana Carole Hooven afirma que «A exposición a altos niveis de testosterona, mesmo antes de nacer, non só masculiniza os nosos corpos, senón tamén os nosos intereses, preferencias e condutas». Isto significa que esta hormona tamén masculiniza o noso cerebro, e con el a nosa mente.
Sáibao e asúmao todo o mundo!: o teito non é de cristal; é hormonal e neuronal.
A crenza na igualdade absoluta entre varóns e femias xerouse coma un prexuízo que foi transformado ben cedo nun dogma de fe ideolóxico, nun tabú, que ninguén atrévese a quebrantar. Por medo.
Medo a seguras consecuencias de índole diversa: laborais, económicas, sociais ou persoais. É ese medo que se cheira; que permite identificar calquera ditadura a aqueles que as padeceron. É o medo que provocou que ningún xornal ousase publicar este artigo, aínda sendo os seus directores conscientes, recoñecéndoo expresamente, que cometían o máis ignominioso crime posibel nunha democracia: a censura da libre comunicación do Pensamento.
Non obstante, aceptar sen máis a idéntica capacidade fisiolóxica do cerebro dos homes e das mulleres, conclusión contraria á evidencia empírica observada ao longo de miles de anos, equivalería a comulgar con rodas de muíños.
De muíños de vento.