Xabier Vila- Coia (Coia, Vigo), é licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid (1989-1994), carreira na que foi Premio Nacional de Terminación de Estudos Universitarios. Cursou os estudos de doutoramento en Antropoloxía Social (1994-1996), no Programa La construcción de las identidades socioculturales. Durante o seu desenvolvemento, e dentro do campo específico da antropoloxía visual, levou a cabo varios traballos que condicionarían a súa evolución como investigador e creador, entre os que sobresaen Os medos e Sobre la alegría: el carnaval de Porto Seguro (Bahia-Brasil). Con posterioridade, no ano académico 1999-2000, realizou o «Curso de Especialización en Derecho Constitucional y Ciencia Política» do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais de Madrid (CEPC), que superou cunha Memoria Final de Investigación titulada Biotecnología, bioética, nuevos derechos humanos y Constitución.
Ao longo deste período de formación obtivo unha bolsa do Programa de Cooperación Interuniversitaria Intercampus en América Latina para estudantes de pre e posgrao, concedida polo Instituto de Cooperación Iberoamericana e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (ICI- AECID), a cal desfrutou na Universidade Estadual Paulista (São Paulo-Brasil); e unha Bolsa de formación de Persoal Investigador (FPI) da Comunidade de Madrid, que lle permitiu realizar estancias de investigación na sede de Bos Aires da Facultade Latinoamericana de Ciencias Sociais (FLACSO-Arxentina) e na Universidade da Habana (Cuba). Estas estadías no estranxeiro enriquecérono e marcaron significativamente, tanto no plano académico e profesional como no persoal. Ademais de nas cidades citadas, Xabier Vila- Coia tamén viviu, estudou, traballou e amou en Santiago de Compostela, A Estrada, Barcelona, Palma de Mallorca, París e Toulouse.
Ao obxecto de complementar a súa formación multidisciplinar, durante os anos académicos 2015-2016 e 2016-2017 matriculouse e aprobou todas as materias obrigatorias e optativas do Master Universitario en Investigación en Arte e Creación (MIAC) da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense, pospoñendo sine die, ao priorizar as súas publicacións e producións, ademais dos seus propios estudos e investigacións, a conclusión do Traballo de Fin de Máster (TFM).