Carta aberta ao alcalde de Vigo

Volver
letreiro nos autobuses indicando onde se ten que pasar a tarxeta Passvigo para poder acceder a eles.

Estimado Alcalde:

Unha persoa pode ser nada en Ponteareas, como vostede; en Coia, como eu, inda que vivo en Madride; en Redondela, Cangas, A Habana, París... ou incluso en Nixeria e ter chegado no Aquarius, pero estar en Vigo por calquera motivo e período de tempo e precisar desprazarse no transporte público urbano.

Como vostede ben sabe, a Corporación Municipal de Vigo implantou hai varios anos a tarxeta de transporte público (TTP) PassVigo, que confire diferentes descontos no importe das viaxes. En principio soamente estivo dispoñíbel para os empadroados no concello, mais dende abril deste ano 2018, por orde xudicial, todos teñen dereito a ela dado que o maxistrado declarou ilegal a obriga do empadroamento.

O pasado día 14 de agosto estiven na Oficina de Tarxetas de Transporte Público para solicitala. O meu interese por posuíla máis que polo desconto é porque como nativo de Coia (parroquia que os meus devanceiros habitaban xa no século XVIII), sabendo que inclúe unha fotografía de Vigo, querería tela como lembranza da miña cidade. Na devandita oficina informáronme de varios requisitos que me sorprenderon pola súa arbitrariedade. En primeiro lugar, por non  estar empadroado en Vigo tes que vila recoller persoalmente á sede da empresa Vitrasa —ou delegar en alguén—, pois a diferenza dos empadroados non cha envían ao teu domicilio. Ademais, para entregarcha esixen presentar o certificado de empadroamento da poboación na que mores. Con todo, o máis humillante foi descubrir que para nós a tarxeta é branca, sen imaxe ningunha, sen o logotipo nin as lendas «Vivimos nunha cidade fermosa» e «Concello de Vigo».

A primeira irregularidade é esixir o certificado de empadroamento aos non residentes; un manifesto abuso de poder xa que esta formalidade foi declarada nula polo xuíz. E si repasa a vixente Constitución lembrará que no artigo 14 recoñécense dereitos fundamentais irrenunciábeis: «Os españois [os galegos, de momento, inda o somos] son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social». Pois ben, aquí estamos diante doutra infracción. É seguro que os servizos xurídicos do Concello son conscientes de que entregar aos non empadroados en Vigo unha tarxeta de segunda clase, que os estigmatiza socialmente como diferentes e inferiores, supón unha discriminación a causa dunha circunstancia persoal: o lugar de empadroamento. Trátase do que Pierre Bourdieu denominou violencia simbólica, como a que se exerceu contra dos xudeus na Segunda Guerra Mundial marcándoos cunha estrela de David amarela na roupa. Iso é o que lle acontece —e así é como se sinte— calquera posuidor desta tarxeta discriminatoria cada vez que a emprega.

Señor Caballero: Como alcalde de Vigo o seu deber é situar á cidade nunha posición destacada neste século XXI, non retrotraela ao XIX; e para iso non chega con engadir unha palabriña en inglés ao nome da tarxeta de transporte público. Por favor, lea a seguinte proposta:

Esqueza, como lle ordenou a xustiza, todo o referido ao empadroamento e emita TTP gratuítas idénticas para todo o mundo. Adquira a tecnoloxía necesaria para entregalas no momento de solicitalas, sempre e cando a modalidade da tarxeta o faga posíbel; non sendo así remítaas ao enderezo dos solicitantes con independencia da localidade na que residan. Permita que aqueles usuarios que o desexen (abonando os cinco euros que costa un duplicado por roubo, perda ou deterioro) poidan personalizar a súa TTP coa fotografía que elixan e sobre a que posúan os dereitos de autor. Isto posibilitará, ademais de certos ingresos, que os visitantes e moradores non empadroados a queiran ter tamén como souvenir posto que poderán aparecer eles mesmos, poñamos por caso, no barco das Cíes, bañándose en Samil, na lonxa do Berbés, na cadea de Citroën ou soldando en Barreras. Organice un concurso anual no que se premie cun ano de transporte público gratuíto á persoa que incorpore á súa TTP a imaxe máis fermosa, creativa ou representativa da nosa cidade. Cree unha Bienal Tarxeta PassVigo, na que se expoñan as TTP máis destacabéis dos dous anos anteriores...

Don Abel: Por riba de todo, evite as querelas que pódenlle presentar a causa da flagrante violación de dereitos fundamentais constitucionais que está a cometer neste asunto, así como a pésima imaxe nacional e internacional que iso suporía para Vigo, e póñase mans á obra. Non o dubide; a cidade sairá gañando. Ese futuro depende de vostede.

 

 

 

 

 

 




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto