«Os Pinos» foi declarado himno oficial no ano 1908 no Centro Galego da Habana, e na década seguinte foise interpretando cada vez máis por toda Galiza e tamén na emigración. Durante a ditadura franquista estivo prohibido e coa reinstauración da democracia trala morte de Franco e a creación das Comunidades Autónomas, en 1984 o Parlamento de Galicia aproba a «Lei 5/1984, do 28 de maio, de símbolos de Galicia», na que se lle dá carácter oficial á letra e á musica do himno de Pondal e Veiga.
Porén, fica unha corrente crítica co actual himno oficial de Galiza que o considera inapropiado para conseguir obxectivos máximos como pode ser a independencia. Por este motivo certos colectivos séntense máis identificados co «Deus Fratresque Gallaecia» de Brañas e Taibo.
Neste vídeo Xabier Vila-Coia ilustra con fotografías da escultura de Ramón Conde «Os redeiros» (1951), sita na confluencia da Gran Vía e a rúa Urzaiz de Vigo, tomadas por el mesmo, a versión que no seu momento fixo o cantautor Suso Vaamonde do «Deus Fratresque Gallaecia». A interpretación de Suso chega até o minuto 1,40, e de aí até o final no minuto 2,47 é o grupo de ska vigués Skárnio quen nos aporta a súa propia versión do tema; na que destaca o emprego da gaita.
Cómpre subliñar que Suso Vaamonde mudou algunhas palabras do poema orixinal de Brañas para adaptalo ao seu tempo ou, incluso, ás normas ortográficas do galego actual. As modificacións máis relevantes son o troco do verso «Ruxan os ventos de guerra e morte...» por «Ruxan os ventos de loita e morte...», e da palabra «independenza» por «independencia».
No canal de Youtube de Xabier Vila-Coia hai outro vídeo no que dende o principio deica o remate o himno de Alfredo Brañas está interpretado tan só por Suso.