En 1947, apenas dous anos despois de finalizada a Segunda Guerra Mundial, Victor Klemperer publicou unha obra titulada «LTI: A lingua do Terceiro Reich. Apuntamentos dun filólogo» («LTI» é a sigla de Lingua Tertii Imperii [Lingua do Terceiro Imperio]).
Klemperer era catedrático de literatura francesa na Universidade de Dresde. Co ascenso de Hitler ao poder foi depurado da cátedra, expulsado da súa casa e obrigado a traballar en fábricas; á vez que se lle prohibiu acceder ás bibliotecas. Salvouse da deportación a un campo de concentración porque a súa muller era «aria».
Nos primeiros anos do réxime totalitario hitleriano fuxía de toda clase de propaganda nazi, xa se tratase de xornais, panfletos, libros, carteis ou emisoras de radio; dedicándose ao seu traballo e investigacións. Porén, cando debido ás múltiples restricións que se lle impuxeron non puido exercer a profesión, decidiu ocuparse do estudo da lingua da época. As súas conclusións son rigorosas e moi interesantes para o noso tempo.
Así, móstranos como a ideoloxía nacionalsocialista imbuíase nas masas a través da linguaxe, para desta forma moldear o seu pensamento. Unha das principais estratexias de adoutrinamento consistía en utilizar palabras illadas, expresións e estruturas sintácticas que repetíanse millóns de veces para que a xente consideráraas propias e adoptáraas de maneira mecánica e inconsciente. Deste xeito, de linguaxe de grupo, a lingua do Terceiro Reich pasou a ser a linguaxe do pobo. O seu xerme áchase en A miña loita, de Adolf Hitler, de onde se difundiu ao «Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán» (NSDAP), e deste ―ao longo dos doce anos que se mantivo no poder— a toda a sociedade.
Se na actualidade aplicamos o método de investigación empregado por Klemperer no seu estudo do alemán da época nazi ás modificacións que dende o feminismo estanse a introducir na lingua galega, atoparemos as mesmas técnicas e os mesmos obxectivos que descubriu o autor xudeu. Concluiremos, tamén, que igual de xustas e necesarias estimaba «O Movemento» nacionalsocialista as súas medidas lingüísticas como hoxe en día o movemento feminista estima as súas.
Tomando como referencia a «Guía de linguaxe non sexista» da «Universidad Nacional de Educación a Distancia» (UNED), comprobamos que as «Regras de uso da linguaxe non sexista» xustifícanse para evitar o «sexismo lingüístico», entendido como «o uso discriminatorio da linguaxe por razón de sexo».
Con todo, máis aló da ideoloxía que os motiva, non definen os redactores desta guía que entenden por uso discriminatorio da linguaxe, nin recoñecen que unha das funcións de toda lingua é, precisamente, discriminar: entre o masculino e o feminino, entre o grande e o pequeno, entre o bo e o malo… Da mesma maneira que no plano social é cometido dos cabelos longos, das blusas e dos pendentes distinguir entre homes e mulleres; e no aspecto biolóxico diferénciannos o timbre de voz, o tamaño das mamas ou o ancho das cadeiras. Por outra banda, no é asumíbel que utilizar de forma correcta a gramática e a semántica da lingua galega comporte, dun ou doutro xeito, unha discriminación sexual inaceptábel dende a perspectiva da Ética.
A regra central da guía da UNED, e doutras similares, é evitar «o uso innecesario ou abusivo do masculino xenérico». ¿Pero quen estabelece cando e por que a utilización do masculino xenérico é abusiva ou innecesaria? ¿A ideoloxía de xénero ou a libre evolución da lingua e a autonomía da vontade do individuo que a emprega?
As fórmulas recomendadas para eludir o uso non marcado do masculino son sempre as mesmas: en lugar de «O solicitante», «As persoas solicitantes»; no canto de «Os candidatos», «As persoas candidatas»; «As persoas responsables» en substitución de «O responsable», e así indefinidamente. Podendo ocorrer que mañá xurda outra ideoloxía con idéntica ambición e medios para impoñer a súa manipulación lingüística, cuxa proposta sexa impedir o emprego do singular e o plural de, poñamos por caso, a palabra «persoa» ―por entender que ao ser de xénero feminino non inclúe aos homes— e a súa substitución polo neoloxismo «persoo» (os «persoos» solicitantes; os « persoos» candidatos, etcétera).
Para rematar, convén non esquecer nin pasar por alto que, nesta cuestión, o obxectivo sociolingüístico último das ideólogas ―e dos ideólogos— do feminismo non é desdobrar os xéneros, senón substituír o uso do masculino xenérico polo feminino para designar a ámbolos dous sexos; práctica empregada cada día con maior insistencia no ámbito universitario e no político. É dicir, o moi vello «sácate ti que me poño eu».