Himno do centenario do Celta

Go Back

O «Real Club Celta de Vigo» creouse o 23 de agosto do ano 1923 trala unión do «Real Vigo Sporting Club» e o «Real Fortuna Foot-ball Club». Cumprirá, xa que logo, o seu primeiro centenario o día 23 de agosto do 2023.

En concordancia con dita efeméride estase a promover a composición dun himno conmemorativo. A tendencia dominante nos medios de comunicación e nas redes sociais é que ten que ser «moderno».

Mais un himno non é unha simple canción: é o epítome dun sentimento, dunha identidade única e irrepetíbel. Un himno ten que ser, sempre, un poema.

Sabido é que todo poema debe expresarse na lingua de seu, na lingua que deu orixe e sustenta ao grupo humano que a creou. Que creou a lingua e as demais producións subministradoras de sentido ao seu ser e ao seu estar no mundo, sexan culturais, científicas, humanísticas, tecnolóxicas ou deportivas.

Ningún himno precisa ser moderno, nin posmoderno, porque non é un son que deba distraer nin poñerse de moda. Antes ben, a esencia dos himnos é inspirarse nos alicerces da historia para, pousándose firmemente neles, alcanzar a eternidade para si mesmos e para as comunidades ás que simbolizan.

Estas son as razóns polas que o himno de Francia non é «Alouette, gentille alouette», senón «La Marseillaise». Porque un himno é o espírito inmortal da terra, da xente e do tempo.

Partindo destas irrenunciábeis premisas, velaí vai a miña proposta como Himno do Centenario do Real Club Celta de Vigo:

 

O CELTA SOMOS NÓS

 

Adestrámonos coa lúa

E xogamos coma o sol.

Temos a mellor afección do mundo:

¡O Celta somos Nós!

 

¡O Celta somos Nós!

Son os demais nosos rivais.

De Brigantia ou de Olimpia,

¡Xamais nos derrotarán!

 

¡Xentes de sangue celeste!

O Medulio foi o noso berce,

¡A Vitoria é a nosa nai!

Somos os irmáns do Océano:

¡O Celtiña somos Nós!

 

¡O Celtiña somos Nós!

Son os demais nosos rivais.

Estranxeiros ou galegos,

¡Xamais nos vencerán!

 

Fillos da terra nosa

¡O noso pai é Breogán!

¡Ruxide! ¡Ruxide!,

Erguendo os puños cara os ceos:

 

¡O Celta somos Nós!

Son os demais nosos rivais.

Españois ou europeos,

¡Xamais nos gañarán!

 

¡O Celta somos Nós!

Son os demais nosos rivais.

De Brigantia ou de Olimpia,

¡¡Xamais nos renderán!!

 




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto