Vigo, a mellor cidade para vivir?

Go Back

Depende!

Depende do barrio no que un more. Porque nas cidades en xeral, e en Vigo en particular, do mesmo xeito que existen clases sociais, tamén hai cidadáns de primeira, de segunda e de terceira categoría; tal coma se se tratase de clubs de fútbol. Incluso dentro do mesmo barrio ou parroquia, a diferente consideración que reciben os vigueses por parte das autoridades municipais determina a súa calidade de vida non relacionada (directamente, mais si indirectamente) ca saúde.

Temos un exemplo paradigmático na histórica —e, malia iso, diminuída, deturpada e invisibilizada na súa identidade orixinaria— parroquia de Coia, na que Coia de Arriba (das rúas Lalín, A Estrada, Vilagarcía e Marín cara ao sur) xoga na primeira división, mentres que Coia de Abaixo, desas rúas cara ao norte, xoga na terceira. Tal coma se fosen o Celta e o Fortuna.

A avenida de Castelao, a rúa da Quintela, a praza da Miñoca..., constitúen contornas privilexiadas, de xente ben: beirarrúas humanizadas, xardíns e arboredos coidadiños, luces do Nadal, tendas e supermercados, escolas e institutos, centro de saúde... E o que faga falla! Pola contra, camiños como o da Raposa e o da Cordoeira, así como as coñecidas como as «Casas Baratas» (hoxe en día «Urbanización Residencial Coia-Antonio de Cominges», denominación non oficial suxerida por min mesmo en homenaxe ao salientábel arquitecto vigués que a deseñou na década de 1940; construtor, ademais, do Instituto Santa Irene, no que me formei durante nove anos: dende a Preparatoria até rematar o COU, pasando pola EGB), conforman zonas depauperadas, habitadas por xentes sen demasiada importancia para os rexedores do municipio: contedores do lixo obsoletos e noxentos, rúas ruinmente asfaltadas e sen beirarrúas (ou con beirarruíñas sen accesibilidade universal, nas cales, inda por riba, os coches son aparcados con absoluto libre albedrío —porque os condutores incívicos saben que ninguén vainos multar— impedindo o paso aos peóns, leven ou non un carro da compra ou de crianzas), sumidoiros infestados de niños de cascudas, tubaxes da auga da traída doutra época —que cada dúas por tres rebentan e deixan á veciñanza sen subministro durante horas— fabricados con materiais nocivos que son fonte de graves enfermidades como o saturnismo e o cancro...

E non só é a poboación a que carece de importancia para o Concello; pois igual ocorre cos lugares parroquiais. Un exemplo sanguento é non respectar todos e cada un dos nomes tradicionais dos camiños, aos que ás veces se lles asigna un apelativo funcionarial inventado que nada ten que ver co verdadeiro.

É o que acontece ca mal chamada «Primeira travesía da Cordoeira», que conecta ese camiño ca igrexa parroquial de San Martiño (prezado e amigábel santo que segundo o noso refraneiro «bota os trompos ao camiño»). Ese camiñiño, unha costa estreitiña cunha pendente de carallo de mico que emula á do «Col du Tourmalet», os nativos de Coia ben sabemos que chámase «Baixada ao campo do Amencer». É o seu nome de toda a vida, porque desembocaba nese campo, xa desaparecido e transmutado, pola maxia da especulación inmobiliaria, en varios edificios de desmesurada altura con vistas ás illas Cíes; o que provocou que, dende aquela, o resto da humanidade que deambula ao nivel do chan tan só poida ollar esas moles de ladrillos de arxila e galletas de pedra.

Un camiñiño que máis que unha baixada é unha subida (o que me leva a inferir que foron os antigos poboadores de Coia de Arriba, onde eu nacín, os que o bautizaron de acordo ca súa particular perspectiva espacial), pavimentado con parches de piche máis luído cas sandalias do Noso Señor Xesucristo, e cunha masa de cemento desleitada e hipersaturada de coios bicudos e duros coma a morte, que se os pisas, de tantos que hai, che causan unha fascite plantar nun santiamén; aínda que o teu destino sexa tan esencial e devoto como ir mercar ao Alcampo ou asistir á misa para escoitar o sermón do cura.

Nese camiñiño estreitiño, polo que decotío transita unha chea de xente a pé por ter sido durante séculos unha vía exclusivamente peonil, debería de estar restrinxida a circulación de vehículos a motor (exceptuando os dos residentes nas casas que o cinguen), porque cunha anchura de apenas tres metros, por el pasan furgonetas, coches, motos e patinetes a unha velocidade imprudente, o que supón un perigo real para os viandantes. Calquera día producirase unha desgraza irremediábel. Entón, abrirase a típica e inane « investigación» propia destas situacións; para gardar as sempre oportunas aparencias. Quede aquí testemuña desta circunstancia por se, pasado o tempo, for preciso consultar a hemeroteca da biblioteca Juan Compañel ou, no seu defecto, a da Biblioteca Nacional. Chegado o caso, os políticos de quenda non poderán escudarse, nin escusarse, apelando á socorrida expresión: «Eu decateime polos periódicos» [«Pero non fixen ren»; sería, entón, a frase de obrigada omisión].

Decisión similar debería adoptarse respecto das ruelas da Urbanización Residencial Coia-Antonio de Cominges, no sentido de humanizalas peonalizándoas, facéndoas accesibles a todas as persoas, instalando os preceptivos sinais de tráfico nas áreas nas que este estea permitido (v. g.: estabelecer unha velocidade máxima, habilitar pasos de cebra elevados onde o bo xuízo os aconselle, non aparcar nin circular nas vías reservadas aos peóns, prohibir tocar o «claxon» agás nas continxencias recollidas no Código de Tráfico e Seguridade Vial...), e reservando as prazas de aparcamento que fiquen no interior da urbanización para os moradores, toda vez que énchenas foráneos que as ocupan en detrimento de quen ten nela o seu domicilio, cría aos seus fillos e fai a súa vida sen xiringar a ninguén. Alén de saldar os correspondentes tributos solidarios: ao municipio, á comunidade autónoma e ao estado.

Velaquí unhas poucas propostas razoables que o Excelentísimo Concello de Vigo («A mellor cidade para vivir», segundo o omnipresente lema municipal oficial) debería ponderar para tratar de equiparar, anque soamente sexa unha chisca, o entorno socio-urbano de todos os habitantes desta cidade inmatura e caótica á que lle queda moito traxecto que percorrer para asemellarse ás máis avanzadas urbes europeas, que é o que Vigo tería que chegar a ser no presente século vinte e un. Fará caso delas?

Depende!  




© Xabier Vila-Coia · Contacto