Biografía

Xabier Vila-Coia (Coia, Vigo), é licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola «Universidad Complutense de Madrid» (1989-1994), carreira na que foi «Premio Nacional de Terminación de Estudios Universitarios». Cursou os estudos de doutoramento en Antropoloxía Social (1994-1996), nun Programa sobre a construción das identidades socioculturais e de xénero. Durante o seu desenvolvemento, e dentro do campo específico da antropoloxía visual, levou a cabo varios traballos que condicionarían a súa posterior evolución como investigador e creador, entre os que sobresaen Os medos e Sobre la alegría: el carnaval de Porto Seguro (Bahia-Brasil). Con posterioridade, no ano académico 1999-2000, realizou o «Curso de Especialización en Derecho Constitucional y Ciencia Política» do «Centro de Estudios Políticos y Constitucionales» (CEPC) de Madrid, que superou cunha Memoria final de investigación titulada Biotecnología, bioética, nuevos derechos humanos y Constitución.

Ao longo diste periodo de formación obtuvo unha bolsa do «Programa de Cooperación Interuniversitaria Intercampus en América Latina» para estudantes de pre e posgrao, concedida polo «Instituto de Cooperación Iberoamericana» e a «Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo» (ICI-AECID), a cal disfrutou na «Universidade Estadual Paulista» (São Paulo-Brasil); e unha «Beca de Formación de Personal Investigador» (FPI) da Comunidade de Madrid, que lle permitiu realizar estadas de investigación na sede de Buenos Aires da «Facultad Latinoamericana de Ciencias Sociales» (FLACSO-Argentina) e na «Universidad de La Habana» (Cuba). Estas estadas no estranxeiro o enriqueceron e marcaron significativamente, tanto no plano académico e profesional como no persoal. Ademais de nas cidades citadas, Xabier Vila-Coia tamén viviu, estudou e traballou en Compostela, A Estrada, Barcelona, Palma de Mallorca, París e Toulouse.

Como autor ten publicados os poemarios de poesía experimental Galiza C i B: Herriak Sense Fronteiras (2001) e El Hombre Masa y la Mujer Panadera (2004); o ensaio Biotecnología. Bioética. Tanatoética. Tanatoestética. Nuevos Derechos Humanos y Constitución (2006); o volume de fotografías El Socialismo no es una utopía: es una ilusión (2006), obra nominada polo coordinador xeral de «Festival Internacional de Fotografía y Artes Visuales PHotoEspaña» ao Premio Nacional de fotografía 2007; o relato Diario no velado de La Habana (2008); o libro de sentencias 213 Aforistmos para el siglo veintiuno (2010); e o traballo de Antropoloxía Visual Experimental Os medos/Les pors/Los miedos/Fears (2015), editado de forma independente nistes catro idiomas.

Os seus libros e creacións foron adquiridos e expostas en institucións de relevancia internacional, entre as que cómpre suliñar a «Feria Internacional de Arte Contemporáneo» (ARCO), o «Museu d’Art Contemporani de Barcelona» (MACBA), o «Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía», o «Instituto Cervantes», a «British Library», a «Bibliothèque Nationale de France», a «Peace Palace Library» de A Haia, o «Internationaal Instituut voor Sociale Geschiedenis» de Ámsterdam, a «Universidad Complutense de Madrid», a «Princeton University», o «Harvard College» e a «Library of Congress», entre outras.

Na actualidade reside en Madrid, cidade na que desenvolve a súa actividade intelectual e creativa, que compaxina co estudo da filosofía.